A Comisión Europea acaba de resolver a convocatoria para a selección dos Hubs Europeos de Innovación Dixital (EDIH). DATAlife conseguiu o selo de excelencia que lle permite denominarse EDIH e será o único Hub de Innovación Dixital galego que reciba apoio económico por parte da Comisión.

Dos 26 candidatos españois, 23 conseguiron o selo de excelencia; pero tan só a metade deles, entre os que se atopa DATAlife, recibirán apoio financieiro por parte da Comisión Europea. Así, o Hub pasa a situarse como Hub de referencia a nivel europeo cun proxecto de case seis millóns de euros que se desenvolverá en tres anos, sendo cofinanciado ao 50% pola Comisión.

Os fondos van permitir o despregue da súa carteira de servizos para acelerar a transformación dixital das empresas da cadea de valor de agro-mar alimentación, biotecnología, forestal-madeira e saúde-coidados en Galicia.

Destaca a alta puntuación outorgada a DATAlife no impacto esperado das accións no plan de traballo, todas elas alineadas coa Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia, así como as principais políticas europeas de dixitalización. O proxecto estará coordinado polo Hub e no consorcio estarán gran parte dos seus asociados. Con eles, DATAlife, poderá dinamizar o ecosistema de innovación galego, facilitar o acceso a financiación, promover a formación en dixitalización e fomentar que as empresas proben tecnoloxías disruptivas sen coste.

O recoñecemento da Comisión Europea a DATAlife respalda a aposta da Axencia Galega de Innovación (GAIN) que apoia ao Hub dende que foi escollido como estratéxico para Galicia en 2019. A financiación europea virá a complementar os fondos cos que xa conta, pois recibe o apoio en forma de convenio con Axencia Galega de Innovación, pero tamén conseguiu financiación do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) na convocatoria competitiva de Obradoiros 4.0 e no proxecto HIBA de fondos Interreg-POCTEP.