Os días 25 e 26 de febreiro asistimos ao IV Encontro Nacional de EDIHs que se celebrou en Santiago de Compostela. Este evento reuniu a expertos, representantes institucionais e profesionais do sector para debatir sobre os avances e desafíos da transformación dixital de empresas e administracións públicas.
Organizado por DIHGIGAL e Asturias Digital Innovation Hub (AsDIH), o encontro serviu como punto de conexión para compartir experiencias, explorar novas oportunidades e reforzar a colaboración entre os distintos hubs de innovación dixital en España.
Primeira xornada
A primeira xornada contou coa intervención de Jordi García Brustenga, do Ministerio de Industria e Turismo (MINTUR), quen destacou o papel fundamental dos hubs de innovación na modernización do tecido empresarial español. Pola súa parte, Eoghan O’Neill, da EDIH Network, falou da necesidade de adoptar solucións de Intelixencia Artificial en pemes y administracións para manter a competitividade nun mercado global.
Dende a Escola de Organización Industrial (EOI), Fernando Garrido e Victoria Sánchez puxeron en valor o programa EDIH como unha ferramenta clave para impulsar a dixitalización e fomentar o desenvolvemento de novos prototipos.
Un dos puntos fortes da xornada foi a presentación de casos de éxito que demostran o impacto real da innovación dixital en distintos sectores. Entre eles destacáronse:
- Dixitalizar a xestión forestal, desenvolto por DATAlife, Asefor e o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS).
- Un chatbot especializado para a industria láctea, desenvolto por DIHGIGAL, TripleAlpha e a Universidade de Vigo (UVigo).
- Unha solución de IA xenerativa aplicada á medicina, impulsada por DATAlife e o CiTIUS para a empresa Naevia Medical.
- Un sistema baseado en IA para predecir a demanda de produtos en Selmark Lingerie, desenvolto por DIHGIGAL e ITG, ademais de Selmark.
Segunda xornada
A segunda xornada centrouse no futuro da rede de EDIHs e a súa expansión. Isabel Salgueiro Corrales (DIH – AIR4S) ofreceu unha análise detallada sobre a madurez e o impacto destes hubs na formación e o apoio a empresas. David Vidal (DTA), pola súa parte, explicou como a rede europea de EDIHs se extendeu xa a 37 países, ofrecendo 15 tipos de servizos en 42 sectores e 34 tecnoloxías clave, cun enfoque especial na Intelixencia Artificial.
O evento tamén foi o escenario para a presentación de novos proxectos innovadores que mostran o potencial da dixitalización en diversas áreas e compartíronse experiencias en relación ás revisións realizadas pola Comisión Europea (CE), por aqueles EDIHs que xa a pasaran.
Para pechar o evento, Covagonda Toca, Diretora Xeral do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), suliñou a importancia do traballo en rede e a colaboración como pilares fundamentais para seguir avanzando na dixitalización e o crecemento económico.
Este IV Encontro Nacional serviu para reafirmar o papel dos EDIHs como actores clave na innovación e transformación dixital en España e Europa, consolidando a súa labor como aliados estratéxicos para empresas e administracións no camiño cara un futuro máis tecnolóxico e competitivo.