O Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) ven de emitir a resolución dos obradoiros destinados á dixitalización da industria 4.0. DATAlife recibiu o 100% dos solicitados, o que supón unha contía de 86.000 euros. O pasado ano 2021, presentara un total de 5 obradoiros 4.0 de interese sectorial para o Hub, para a celebración de espazos de encontro entre empresas co fin de explorar as diferentes e posibles solucións tecnolóxicas.

DATAlife ten a oportunidade de realizar seis eventos de difusión de dixitalización dentro de cada un dos obradoiros 4.0 aprobados, os cales están centrados nos seguintes sectores:

  • Dixitalización de laboratorios

Agárdase que as empresas atopen un camiño de colaboración para desenvolver solucións de dixitalización que cubran as súas necesidades de traballo no ámbito do laboratorio para a súa dinamización. As conclusión poderanse extrapolar a outras empresas cuxa actividade estea ligada ao traballo de laboratorio.

  • TOOLS4MILK: Dixitalización da agroindustria

Ten por finalidade coñecer as necesidades non cubertas, as barreiras que provoca o escaso avance dixital do sector lácteo, etc., de forma que os participantes poidan construír o seu itinerario de transformación dixital cara o mundo 4.0.

  • Dixitalización innovadora de recursos xerontolóxicos de Galicia

O obxectivo é eliminar os procesos manuais e en papel, mellorar o manexo e o acceso aos datos, innovar en terapias, mellorar a calidade asistencial e de vida dos residentes, fomentar proxectos de colaboración entre centros xerontolóxicos e empresas tecnolóxicas de Galicia, crear rutas de transformación dixital específicas e fomentar capacidades de I+D+i dentro da cadea de valor.

  • Sostibilidade apoiada na dixitalización

Búscase atopar solucións que axuden ás empresas a optimizar os seus procesos e mellorar os seus produtos en aras de conseguir unha redución da pegada medioambiental xerada pola súa actividade. A execución dos proxectos articularase dende a perspectiva da sostibilidade e a dixitalización e a súa vinculación a cada un dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS).

  • Certificacións e selos de calidade apoiados na dixitalización

As certificacións e selos de calidade, que teñen a capacidade de engadir valor, quedan fóra do alcance de moitas pemes, xa que non teñen recursos internos suficientes para adicarllos a isto. Este obradoiro 4.0 busca que as empresas atopen un camiño de colaboración para desenvolver solucións dixitais que cubran as súas necesidades á hora de certificar os seus sistemas de xestión; de xestión ambiental, seguridade e saúde; ou calquera outra certificación específica ou selo de calidade ligado á súa actividade.

Cada un deles contará cunha serie de accións que DATAlife porá a disposición dos participantes nestes proxectos:

  1. Realizaranse diagnósticos individuais de madurez dixital, necesidades e obxectivos
  2. Farase unha listaxe de ferramentas xa empregadas e das que se poderían utilizar
  3. Levaranse a cabo seminarios web ou talleres para explicar tecnoloxías, resolver dúbidas, etc.
  4. Redactaranse informes individuais para cada empresa, con correspondencia entre os seus diagnósticos e ferramentas

Os obradoiros están cofinanciados polo Fondo Europeo de desenvolvemento rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.